A MIT convoca o Premio Abrente de obras teatrais

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia convoca o Premio Abrente co que inicia unha serie de actividades para visibilizar e poñer en valor a creación dramática galega actual. "O consolidado Premio Abrente e a súa edición en Difusora veñen a ser a plataforma de estímulo á escrita teatral máis innovadora segundo a crítica especializada" apunta a organización da mostra. 


Na última edición, o Abrente foi para un novo dramaturgo, José Luis Baños de Cos, coa obra "Asfixia", que está en proceso de edición. Mentres tanto, a MIT está a preparar un calendario de presentacións da obra "O día no que bicar a terra", da dramaturga Avelina Pérez (Premio Abrente 2018) e que comezará no vindeiro mes de marzo na sala Ensalle de Vigo. Tamén un blog sobre dramaturxia galega actual, ao que se poderá acceder dende a web da MIT. 


Poderán optar ao premio pezas orixinais ata o próximo día 20 de xuño. O premio son 3.500 euros, a edición da peza e o apoio para a súa escenificación de ser o caso. As obras deberán presentarse por triplicado na Casa do Concello de Ribadavia.

Te puede interesar