A MIT recibe o premio “Adolfo Marsillach" en Madrid

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) recibiu en Madrid o premio "Adolfo Marsillach" a unha labor teatral significativa. O director da MIT, Roberto Pascual, recolleu da man da ADE (Asociación de Directores de Escena de España) este recoñecemento que o colectivo concedeu ao festival por ser un exemplo de calidade artística e de xestión no ámbito das artes escénicas a nivel nacional e internacional. A gala tivo lugar no Teatro de la Comedia, sede da Compañía Nacional de Teatro Clásico.


O director da MIT mostrou a satisfacción de todo o equipo do festival ante o recoñecemento da profesión do conxunto de España a un festival histórico pero con desexo de ser cómplice das necesidades do presente, tanto do público coma das novas creacións. A MIT de Ribadavia é (este gran recoñecemento refórzao) o principal sinal de identidade do teatro galego dentro e fóra de Galicia: un festival con raíces, aberto ao mundo, con capacidade de asumir riscos que poñan en valor o patrimonio e a creación galega no exterior. 


Roberto Pascual tamén falou dun festival que propicia e que facilita, que permite tomar conciencia crítica da xenealoxía cultural e que o novo se lea en relación ao contexto e ao pasado, que abre a porta dos dereitos da cidadanía a unha cultura escénica diversa.

Te puede interesar