PRESENTACIÓN

Unha vintena de compañías na Mostra de Teatro de Ribadavia

photo_camera Roberto Pascual, Jacobo Sutil, Manuel Baltar e Ignacio Gómez. (MARTIÑO PINAL)

Grandes espectáculos internacionais compartirán escea con produccións galegas e españolas

A 31 edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ofrece un programa que aposta por creacións que renovan a gramática do espectáculo escénico e que esixe estar en alerta ós espectadores ao se transgrediren convencións ou ao enlazar etiquetas a través da danza co cine e a pintura (La Veronal); maquetas, vídeo-proxeccións, manipulación de vídeo en tempo real e performers (Agrupación Sr Serrano); circo con teatro de obxectos (La Güasa) ou mesmo espectáculos que se presentan coma un dispositivo escenográfico, un terrario dende o cal o espectador observa a vida duns artistas (Vivarium, do francés Philippe Quesne).

O programa confórmase coa xuntanza da escena galega (Il Maquinario, Teatro do Atlántico, etc.) con compañías aplaudidas no festival de Avignon (Vivarium Studio e La Re-sentida) ou no festival de Edimburgo (La Merda, Premio Fringe ao mellor texto ou The Stage Award á mellor actriz, entre outros múltiples galardóns). La Re-sentida é o primeiro grupo de Chile en ser invitado á Schaubühne de Berlín, templo de la vangarda teatral alemá, e o segundo, despois de La Troppa, en chegar a Avignon.

A presenza no festival deste referente da escena chilena actual é posible grazas á xira mundial que está tendo con “La imaginación del futuro”, que se estreará en España no festival de Ribadavia. Philippe Quesne, director de Vivarium Studio, tamén estará en Galicia por vez primeira con Swamp Club, unha peza coproducida entre outras entidades polo Centro Dramático Nacional de Nanterre-Amandiers.

O director da MIT, Roberto Pascual tamén destacou, entre outros moitos apartados do programa, as propostas escénicas, igualmente contemporáneas, para o público infantil, ademais dos foros de debate, os cursos e todas as actividades paralelas, xunto coas xuntanzas dos profesionais.

Te puede interesar