A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia premia a Eduardo Alonso e Luis Álvarez

Unha das representacións da Mostra Internacional de Teatro, no ano 2022.
photo_camera Unha das representacións da Mostra Internacional de Teatro, no ano 2022.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recoñece o traballo de Eduardo Alonso e Luis Álvarez para a creación de estruturas institucionais estables para o teatro

Nesta edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia de 2023, que centra o seu programa na memoria e na celebración dos 50 anos da Mostra de Abrente, recoñécese tamén o traballo, a implicación e o legado de dúas persoas fundamentais na creación de estruturas institucionais estables para o teatro galego durante o primeiro Goberno Autonómico de Galicia. Así, o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño da MIT 2023 ao mérito nas artes escénicas é para Luis Álvarez Pousa e Eduardo Alonso, que recibirán este recoñecemento o día da inauguración, o 15 de xullo, en Ribadavia.

O xornalista Luis Álvarez Pousa foi o responsable das primeiras bases dun programa de estruturación, planificación e desenvolvemento de políticas teatrais a partir do seu nomeamento como director Xeral de Cultura hai 40 anos, en 1984. “Grazas ao seu labor e ao seu pensamento, que tamén honra o digno oficio da política como tarefa ao servizo da cidadanía e da cultura, creouse o Centro Dramático Galego en 1984, os circuítos teatrais, a consolidación da profesionalización e tamén a MIT, nesa mesma data, posicionando xa a Ribadavia como expoñente de intercambio, fortalecemento dos dereitos culturais e da diversidade e calidade artística”, segundo se recolle na acta do premio.

Por outra banda, a MIT quere recoñecer o compromiso e implicación do director de escena, dramaturgo e produtor teatral Eduardo Alonso, que ademais de ser o primeiro director artítico do
Centro Dramático Galego, “foi unha figura clave neste e noutros momentos da evolución e emerxencia do sistema teatral galego, como a elaboración do proxecto de creación do IGAEM en 1987”, valoran os organizadores da mostra. 

A dirección deste festival internacional tamén recorda que hoxe remata o prazo de admisión de orixinais para o Premio Abrente de Textos Teatrais.

Te puede interesar