EMPRENDEMENTO

Os mozos emprendedores recibirán 675 euros ao mes

O Proyecto EmprendOu da Deputación foi presentado aos alcaldes da comarca do Ribeiro

A Deputación de Ourense concede axudas de 675 euros ao mes para mozos que presenten proxectos empresariais ou de auto - emprego en municipios rurais de menor poboación, no marco do proxecto EmprendOu, financiado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ). Así o explicou onte aos alcaldes da comarca do Ribeiro a deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto. O encontro tivo lugar no Concello de Ribadavia, onde a deputada expuxo as liñas básicas do proxecto EmprendOU, posto en marcha polo goberno provincial para afrontar o reto demográfico, co obxectivo de "chegar a tódolos cidadáns e implicar na difusión desta iniciativa ás administracións públicas máis próximas á veciñanza", sinalou.

Luz Doporto, que visitará tódalas comarcas da provincia con esta finalidade, salientou o traballo que a Deputación de Ourense está a desenvolver para afrontar o reto demográfico situando a cuestión do "despoboamento do rural nunha das prioridades da folla de ruta deste goberno". 


Áreas rurais


Mostra dese compromiso, a Deputación puxo en marcha o proxecto EmprendOU para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles"; en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.

Para elo, a institución provincial puxo en marcha un Punto de Atención ao Emprendedor, en convenio co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que atenderá ao emprendedor no seu propio municipio desprazándose, deste xeito, a administración provincial ao territorio. 

Este PAE será un soporte que facilitará a creación de novas empresas, o inicio efectivo da súa actividade e o seu desenvolvemento, a través da prestación de servizos de tramitación de documentación e apoio, permitindo a creación da empresa nos municipios máis rurais en tan só 48 horas.


Os beneficiarios recibirán a axuda ata doce meses


A dispoñibilidade orzamentaria para este programa de emprendemento ascende aos 2.025.000 euros, sendo a contía da axuda concedida ás persoas beneficiarias deste proxecto de 675 euros por cada mes de exercicio efectivo, cun mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses. As persoas destinatarias do Proxecto EmprendOU será a mocidade de entre 16 e 30 anos, non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, independentemente do seu nivel formativo, e que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo. 

Ademais, deberán residir durante todo o período de vixencia da axuda nalgún dos "municipios elixibles", podendo participar tanto a mocidade xa residente como aquelas persoas que retornen ou se instalen nestes municipios. En total serán 82 municipios da provincia de Ourense os que se poderán beneficiar deste proyecto que ten como obxectivo que os mozos non abandonen o seu lugar de orixe, facilitándolle a posibilidade de traballar. 

Te puede interesar