O RIBEIRO

As mulleres reivindícanse como líderes no sector do viño

RIBEIRO
photo_camera Enólogas e sumilleres, participando na cata que tivo lugar na Madalena (MARTIÑO PINAL).

Unha cata con música e con diversas profesionais persigue visibilizar ás produtoras do Ribeiro

Aproveitando a celebración do 8M (Día Internacional das Mulleres), as mulleres do Ribeiro reivindican o seu papel de liderado no rural e máis concretamente no sector vitivinícola, principal motor económico desta contorna. Se en días pasados, o Museo Etnolóxico de Ribadavia acollía un acto para presentar as novas etiquetas que utilizarán vinte adegueiros e colleiteiros coa doble finalidade de promocionar as súas marcas e dar unha maior visibilidade ás mulleres no mundo do viño, onte, na Igrexa da Madalena, tiña lugar unha singular cata dos caldos elaborados por colleiteiras desta Denominación de Orixe Ribeiro, e na que participaron enólogas e unha sumiller.

Organizada pola Concellería de Igualdade, dirixida por Noelia Rodríguez, en colaboración co Consello Regulador da D.O. Ribeiro, desenvolveuse unha maridaxe sonora entre os viños e música de intérpretes femininas. Estivo coordinada pola sumiller Mercedes González, quen foi a encargada de harmonizar as diferentes pezas musicais que interpretaron Mónica Ordás á voz e Alfredo Susavila ao piano, cos viños das colleiteiras: Canción de Elisa de Adega Dona Elisa; Mónica Albor de Adega Mónica Albor; Celme Pena Bicada de Adegas Celme; Son de arrieiro de Bodegas Son de Arrieiro e Val do Deva de Adega Val do Deva. 

Para a cata dos viños contouse coa colaboración das enólogas Cristalina Álvarez e Iria Otero que fixeron unha degustación e comentario dos mesmos para o público participante, e a continuación interpretáronse dúas pezas musicais elexidas especificamente para cada un dos viños.

"O obxecto desta actividade non é outro que outorgarlle a visibilidade ás mulleres que tiveron e teñen nesta denominación de orixe o firme compromiso coa produción de viños de calidade diferenciada", apuntaba Noelia Rodríguez. O presidente do Consello Regualdor da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares, declaraba que "a muller sempre desenvolveu un papel fundamental sobre todo no medio rural, e as 19 adegas que teñen como titular a mulleres do total de 115 que hai nesta denominación, están funcionando moi ben".

Casares considera fundamental continuar reivindicando a presenza feminina dentro do sector, "cos mesmos dereitos e obrigas" e en ese sentido recordou que un dos premios máis destacados que otorga anualmente esta denominación é o de "Muller e Viño". Ao mesmo tempo que anunciou para próximas datas a organización por parte do Consello Regulador dun evento sobre a mesma  temática e dirixida especialmente ás adegueiras. 

Aínda que a cata estaba programada para a participación de 35 persoas dado o aforo reducido do local, acabaron participando sobre 50, xa que moitos dos asistentes quedáronse fora da Madalena e seguiron as explicacións das enólogas e sumiller, ademais de escoitar a música.


Encontro das socias de Femuro en Arnoia


A Federación provincial de mulleres rurais de Ourense (Femuro) tamén organizou este sábado un acto de conmemoración do Día Internacional das Mulleres, no balneario de Arnoia, ao que asistiu a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que defendeu a necesidade de seguir fomentando a presenza feminina nos ámbitos de liderado e decisión do medio rural co fin de que as mulleres alcancen a representantitividade que lles corresponde. Tamén se desenvolveu a actuación “Iguales a nós”, promovida pola Xunta, e que ten como obxectivo avogar pola igualdade entre homes e mulleres e pola prevención de violencia de xénero,  especialmente entre as xeracións de máis idade.

Te puede interesar