O Ribeiro

O Museo Etnolóxico celebra o Día das Bibliotecas

O Ribeiro

O Museo Etnolóxico celebra o Día das Bibliotecas

O próximo 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas baixo o lema proposto polo Ministerio de Cultura "Bibliotecas sempre ao teu carón". A Biblioteca do Museo Etnolóxico organiza con tal motivo actividades "para momentos de restricións e para lembrar que conservamos e difundimos patrimonio cultural", segundo sinalan os responsables.

Unha das iniciativas leva o título "Do dixital ao analóxico do confinamento á nova normalidade: publicación en papel do libro dixital. O mes de abril na tradición". "O Día do Libro deste 2020 colleunos en confinamento, polo que elaboramos de maneira comunitaria e colaborativa a través das redes sociais, correo electrónico e teléfono coa recompilación de refráns, cancións, cantigas, ditos, historias... sobre o mes de abril nun libro dixital", engaden. 

O libro pódese descargar desde o blog do Museo Etnolóxico ou da Biblioteca.

Xa na nova normalidade, para celebrar o Día das Bibliotecas e como agasallo para toda a xente que colaborou, o Museo Etnolóxico editouno en papel.

Outra actividade chámase "Espantamos o medo", un taller en liña para clubs de lectura de bibliotecas escolares da ESO sobre contos e lendas arredor do medo: aparecidos, santa compaña, rituais fúnebres, banquetes con mortos, encontros en cemiterios, lobishomes, sacaúntos, bruxaría, meigallos... para rememorar unha das tradicións galegas de relación co máis alá.

Por último, a mostra expositiva: "Tés máis conto que Calleja", coa colección de mini-contos da editorial Calleja, resultado dunha doazón en 2013. Destacan nestes mini-contos o seu tamaño e as súas ilustracións. A editorial española Saturnino Calleja fundada en 1879 permaneceu en activo durante catro décadas.

Más en O Ribeiro