O Museo Etnolóxico ofrece un ciclo de cine de outono

As películas seleccionadas son: "Estruturas. Pel contra Pel", "O bosque animado", "O apóstolo" e "O que arde"

O Museo Etnolóxico de Ribadavia ofrece o ciclo de cine de outono "Miradas Etnográficas", que comeza hoxe. Trátase da oitava edición na que presenta unha selección especial de filmes para celebrar o 50 aniversario do Cineclube Padre Feijoo de Ourense, que colabora neste ciclo desde o seu inicio na proxección dos filmes.

Neste ano da pandemia do covid-19, os organizadores elexiron o Centro Social da Igrexa da Madalena para as sesiós dos filmes, que serán ás 19,00 horas, e cuxa entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.

O ciclo inaugurase hoxe coa película española do 2015: "Estruturas. Pel contra pel", dirixida por Paco Gallego e Xosé Bocixa. O documental mostra un conxunto de actuacións de responsabilidade colectiva que repercuten no urbanismo e na paisaxe.

"O bosque animado" é o filme seleccionado para mañá. Dirixida por José Luis Cuerda en 1987, o argumento vira en torno a un bosque fantástico dunha aldea galega do rural, no que habitan extraordinarios personaxes como un bandido, ánimas e a Santa Compaña, entre outros.

O ciclo continuará o 26 de decembro coa película de animación "O Apóstolo", de Fernando Cortizo, que aborda a trama dun preso que foxe do cárcere para tentar atopar un  tesouro  agochado nunha aldea do Camiño de Santiago.

A programación deste ano acabará o 27 do mesmo mes coa película de 2019 "O que arde", do director Oliver Laxe. A trama desenvólvese nos Ancares lucenses e conta a historia de Amador Coro (interpretado por Amador Arias), un veciño pirómano que sae do cárcere e regresa á súa casa, coa súa nai Benedicta (intepretada por Benedicta Sánchez).

Con esta selección, o museo celebra o 50 aniversario do Cineclube Padre Feijoo co que colabora.

Te puede interesar