NADAL

O Nadal destacará este ano en Ribadavia pola súa iluminación

Raúl Mato, Cristina martínez,. Ignacio Gómez y María López. Ribadavia.
photo_camera Raúl Mato, Cristina Martínez, Ignacio Gómez e María López presentaron o programa do Nadal.

Entre as novidades figura unha bóla xigante no centro de Ribadavia

A iluminación do Nadal en Ribadavia destacará especialmente este ano cunha bóla de luces de 7,50 metros de diámetro e altura e un perímetro de base de 24 metros, que se instalará na Praza Maior xunto coa tradicional árbore. Tamén se iluminará a fachada do Castelo, a do Concello e colocaranse 30 arcadas nas rúas e nas árbores. Acenderase mañá, ás 19,00 horas, coincidindo co V Concurso de Pinchos do Ribeiro.

O alcalde, Ignacio Gómez, xunto coa concelleira de Cultura, María López, e os representantes de Establecementos Asociados do Ribeiro (EAR), Raúl Mato e Cristina Martínez, presentaron onte o programa para estas festas, no que se contempla o Ribanadal, que será gratis para os empadroados en Ribadavia e para os que merquen no EAR, para o que teñen que recoller no Concello unha pulseira (do 26 de novembro ata o día 28 de decembro). A pulseira permitirá o acceso gratuíto tanto á pista de xeo como ao resto das atraccións, que estarán abertas ao público entre o 21 e 29 de decembro, en horario de 11,00 a 13,00 horas e de 16,30 a 20,30 horas (o día 25 só en horario de tarde e o día 29 só en horario de mañá). Tamén haberá obradoiros de fotografía e inglés e desenvolverase a Carrreira Popular de Ribadavia o 22 de decembro, ás 16 horas; así como os días de cinema infantil na Casa da Cultura, o 2 e 4 de xaneiro, ás 17,00 horas; e a cabalgata de reis.

A música terá tamén protagonismo e efecto dinamizador desde o día 22 de decembro ao 6 de xaneiro; contando tamén cos concertos do Conservatorio Profesional e a Escola Municipal de Musica de Ribadavia, o 20 de decembro, ás 2,000 horas; e o concerto de Aninovo da banda A Lira, o 6 de xaneiro, ás 18,00 horas. "Cremos que facer unha campaña conxunta coa Asociación de Comerciantes sempre é sumar e colaborar co dinamismo do comercio local e da poboación", sinala a concelleira, María López.

Te puede interesar