O Ribeiro

Negociacións coa cooperativa para dar uso ao seu antigo edificio

O Ribeiro

INFRAESTRUCTURAS

Negociacións coa cooperativa para dar uso ao seu antigo edificio

O Concello de Leiro negociará coa cooperativa viña costeira o uso das súas antigas instalacións

O PSdeG de Leiro impulsa a declaración das instalacións da antiga cooperativa, primeira cooperativa vitivinícola de Galicia, como patrimonio industrial de Galicia, segundo o disposto na Lei 5/2016 do 4 de maio, do Patrimonio Cultural. O portavoz municipal, Manuel Rodríguez, manifesta a súa satisfacción tras ser aprobada a súa proposta no último pleno, "agás nos usos da mesma, onde se decidiu proseguir coa negociación coa cooperativa Viña Costeira", puntualiza, tendo en conta que esta adega é a propietaria do edificio. 

“Trátase dunha declaración imprescindible para Leiro pola historia que esta cooperativa ten no municipio dende fai máis de medio século e temos claro que usos darlle”, sinala.

Manuel Rodríguez engade que propuxo ao pleno “a promoción dun proxecto de cooperación coa Facultade de Historia da Universidade de Vigo en Ourense, para documentar entre os veciños das distintas parroquias implicadas na creación da adega a historia cotiá en base a fotos, testemuñas, obxectos que se poidan expoñer nunha sala da adega da cooperativa, ilustrando así a historia da primeira cooperativa vitivinícola de Galicia”. 

O grupo socialista presentou varios proxectos que se poderían levar a cabo na adega, pero a corporación de Leiro decidiu finalmente proseguir coas negociacións coa cooperativa Viña Costeira para decidir que usos darlle no futuro ás referidas instalacións.