FESTIVAL ARTEFICIAL

"Non todo pasa en Madrid"

p1000975_result
photo_camera Rafael Otero, Eva Gómez e Andrea Otero, parte da organización do evento.

O festival Arteficial chega a Ribadavia o próximo sábado, cunha proposta para todos os gustos

Un grupo de rapaces que nos xuntamos e empezamos a falar da posibilidade de facer cousiñas que terminaron collendo forma de festival de música", explica Rafael Otero, un dos organizadores do Arteficial de Ribadavia, sobre a orixe do mesmo. 

Dende ese momento ata hoxe, doce anos máis tarde, houbo moitos cambios, bós e malos momentos, problemas de financiamento e autocrítica, "pero ao día seguinte de ver que viñesen só 50 persoas, xa estabamos falando de que grupos traer ao ano seguinte", comenta Quique Rodríguez, outro dos artífices do festival. 

Os concertos que comezaron na Alameda de xeito experimental, aséntanse agora no epicentro do barrio da Madalena da vila, dentro dunha proposta con identidade propia no circuito cultural galego. Pero este ano, a organización non tiña claro que fose posible levalo a cabo. "É aí onde apareceu a idea de facer socias", explica Rosiña Rojo, da organización. "Tanto para a financiación como para facer amigos e amigas, na propia vila e fóra dela", sinala. As máis de 160 persoas que se asociaron e pagaron a cuota anual, 10 euros, son as que posibilitaron que o día 1 de setembro o Arteficial volva a Ribadavia. "É a segunda ou terceira maior aportación económica do festival", resalta Otero. No propio día da romería musical,  haberá un posto onde facerse socio e coñecer un pouco máis do equipo, ademais dun posto de Cruz Vermella de recollida de alimentos e de Micos da Vila, asociación animalista.


A proposta musical


O prato forte do festival é a música, que conta coa participación de nove grupos e un dj, onde se misturan artistas locais con músicos internacionais. "Son grupos emerxentes que non tes que coñecer obrigatoriamente para que che poidan gustar moito", explica Uxía Estévez, outra das organizadoras. 

Abuela Te Quiero!, Big Ok, Chalo Correia, Estaban&Manuel, Guau, Labaq, Oh Ayatollah, Sara Fontán, Whales e Isaac Pedrouzo DJ conforman a banda sonora da xornada do próximo sábado, que se repartirá entre catro escenarios do barrio da Madalena e da Oliveira, onde rematará a festa ata que o "corpo aguante".


O asociacionismo, clave para levar a cabo este proxecto cultural 


O Arteficial naceu dunha idea entre amigos, e rematou convertíndose no que é hoxe en día. Neste momento, dentro da organización hai 15 persoas que van dende os 22 ata os 40 anos. O nexo común, ademais do interese artístico, é dinamizar a cultura de Ribadavia, porque "non todo pasa en Madrid". Tal e como explica Uxía Estévez: "Podémonos queixar de que aquí non hai nada, a cousa é facer algo para cambialo". Ela, Andrea Otero e Eva Gómez son parte da nova fornada da asociación. "É moi emocionante para nós, que comezamos fai doce anos, ver como se implica a xente máis nova", comenta Rafael Otero. "Aínda que eu vivo fóra neste momento, apetecíame moito formar parte disto despois de ver o evento como público", razona Estévez. Pola súa parte, Eva Gómez resalta que dende pequena recorda os concertos do Arteficial: "Es el festival que siempre me gustó de Ribadavia, es algo que parece de ciudades grandes pero que sucede aquí, es una pasada". Andrea Otero participa na organización por segunda vez, e está moi satisfeita: "El año pasado también estuve en el Mercado das sementes y pude proponérselo a varios de mis compañeros de Bellas Artes". Cada edición, algún dos maiores marcha, pero aparecen novas caras con ilusión e novas ideas que aportar. Como reza Carlinhos Conde no fanzine oficial do evento: "Facemos o que nos gusta, o que nos peta e o que nos dá a gaña".

Te puede interesar