Política

Núñez Feijóo avogou por unir o voto para acabar co bloqueo

Manuel Baltar afirma que a provincia volverá a demostrar o papel decisivo que ten en cada comicio

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou para España este vernes en Ribadavia un goberno como o galego que, ademais de exercer as súas funcións, sexa garantía de estabilidade política, institucional e económica e de compromiso con Galicia. Participou nun acto de precampaña xunto co presidente provincial, Manuel Baltar, e o número un da lista do Partido Popular ao Senado, Miguel Ángel Viso. 

Núñez Feijóo destacou que, un ano máis, a Xunta vén de aprobar, en tempo e forma, os orzamentos para 2020, para seguir crecendo e creando emprego. Unhas contas, apuntou, para acadar unha Galicia máis verde, máis social, máis familiar e con menos impostos. Tal e como subliñou, ningunha Comunidade apoia máis ás nais e pais que Galicia; agora, coa gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo.

Así mesmo, indicou que o PP é a única alternativa a un goberno que non está a actuar ante os sinais de alerta económica. E engadiu que os galegos poden ter por seguro que coa Xunta sempre poderán contar, pero que precisan, igualmente, un Goberno de España que teña e manteña os seus compromisos coa nosa comunidade, e que non prexudique á industria, asegurando que as decisións do executivo de Pedro Sánchez están a afectar ao emprego e a infraestruturas clave como o AVE.


Feijóo avogou por unir o voto para acabar co bloqueo do país e para que non haxa un executivo que dependa dos que alentan a división do país


O Partido Popular de Ourense sempre concorre a cada convocatoria electoral cun proxecto político e de xestión que, maioritariamente, é validado cos votos dos ourensáns, "por iso imos demostrar unha vez máis que sempre temos un papel decisivo en cada cita coas urnas", manifestaba o presidente provincial, Manuel Baltar. 

Os resultados alcanzados na provincia nas sucesivas convocatorias electorais teñen moito que ver co grao de ilusión e implicación de todos cantos integran o partido, apuntou Manuel Baltar, "de aí que fronte a unha situación política como a que levamos sufrindo falemos agora de reilusionar e rearmar, para presentar de novo o proxecto de país do PP, que en Ourense mereceu no mes de abril a maior confianza cidadán de toda España".

"Non nos presentamos para evitar que gobernen outros que só fan política mediática, mediocre e con nula capacidade de acordo; nós facemos xestión, porque sen xestión non hai política, e cando é preciso buscamos o entendemento", engadía. E referíase a Ribadavia, "onde as forzas que se chaman progresistas non foron quen de alcanzar un acordo ao primar os nomes por riba dos intereses do Concello e a súa veciñanza".

Miguel Ángel Viso fixo unha chamada a todos os alcaldes da zona para pedirlles "ese esforzo extra do que sempre falamos, pero desta volta é fundamental para rematar con 16 meses de inestabilidade".

Te puede interesar