A parroquia de Trasariz contará cun novo colector de residuais e un enbarcadoiro

O proxecto, que ten unha inversión de 33.000 euros, inclúe a restauración ambiental da contorna 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de construción dun novo colector de augas residuais na parroquia de Trasariz, no Concello de Cenlle, para mellorar o sistema de saneamento.

Estas intervencións, adxudicadas á empresa Construcciones Almacenes Manuel Viso e Hijos S.L. por un investimento de case 33.000 euros, teñen un prazo de execución de tres meses. O proxecto ten como obxectivo acometer outro colector novo para substituír a actual infraestrutura, que presenta deficiencias que impiden o seu correcto funcionamento.

A intervención inclúe a restauración ambiental na zona final do colector existente, na contorna do sistema de depuración.

Entre os traballos contemplados, proxéctase a construción dun marco para permitir o desaugue das augas pluviais e a instalación dun pequeno embarcadoiro no lugar que tradicionalmente foi utilizado para o uso de embarcacións fluviais.

A Xunta continúa a colaborar cos concellos galegos para resolver carencias en materia de infraestruturas hidráulicas e proporcionar uns sistemas de saneamento e abastecemento axeitados ás necesidades reais dos cidadáns.

Con este proxecto non só se solucionarán os problemas que ocasiona o actual colector de augas residuais senón que tamén se acondicionará e embelecerá esta contorna, ao mesmo tempo que se dota dunha nova infraestrutura para poder utilizar embarcacións fluviais, que se vén a sumar ás xa existentes na localidade de Laias, xunto ao balneario.

Te puede interesar