entrevista

Luis Pérez: "Os partidos teñen que traballar xuntos pola defensa do viño Ribeiro"

_img-20180827-wa0021SS
photo_camera Luís Pérez Estévez, "Ficol", voceiro do BNG en Leiro.

Un dos militantes máis veteranos do BNG vai deixar a primeira liña da política municipal e non repetirá, como fixo nos cinco últimos mandatos, como cabeza de lista da formación nacionalista no Concello de Leiro

Un dos militantes máis veteranos do BNG, Luís Pérez Estévez, coñecido popularmente como "Ficol", con 33 anos de afiliación, vai deixar a primeira liña da política municipal e non repetirá, como fixo nos cinco últimos mandatos, como cabeza de lista da formación nacionalista no Concello de Leiro. Unha persoa que nos fala dos motivos desta decisión, da situación socioeconómica do municipio e da comarca do Ribeiro, así como das súas afecións deportivas.

Por que toma esta decisión?

Penso que chegou o momento de deixar que outras persoas collan as riendas a nivel local coa disposición de encabezar a candidatura do Bloque Nacionalista Galego nas eleccións municipais do vindeiro ano. No 2019 xa cumplirei os 20 anos como concelleiro e tamén voceiro dos nacionalistas, e, logo de tanto tempo, considero que xa é hora da renovación, que poida entrar xente nova e xoven con novas ideas, que siga traballando pola mellora de Leiro e, en xeral, da nosa comarca.

Será un adeus difícil, despois de dúas décadas?

A verdade é que si, porque nestes 20 anos coñeces e tratas con moitas veciñas e veciños, ós que lle colles cariño, que che son xa como da túa familia, dos que escoitas os seus problemas cotiáns. Por outra banda, están os teus compañeiros da Corporación, xa sexan do goberno ou da oposición, cos que compartes moito tempo nas comisións e nos plenos. Pero, de todos os xeitos, que deixe de ser a cabeza visible no Concello non quere dicir que non vaia seguir a traballar na estructura orgánica do BNG. Deste xeito, como responsable comarcal de organización, son o encargado da militancia e de confeccionar as candidaturas para as eleccións municipais, percorrendo todos os concellos do Ribeiro.

Cal é a súa opinión sobre a evolución de Leiro nestes últimos 20 anos?

Pois fixéronse algunhas cousas boas, coma é o caso da construcción do Centro de día ou o novo balneario de Berán, que é unha mágoa que aínda esté pechado cando debería ser un dos motores de atracción turística do municipio. Pero o gran problema é a despoboación, que por desgracia afecta a todo o rural de Galicia. E, pola miña banda como concelleiro, teño que apuntar que o rueiro de Leiro está en galego dende hai 18 anos porque a Corporación asumiu unha proposta miña nese sentido.

E cal é o seu diagnóstico para a comarca do Ribeiro?

Penso que a situación do viño non está nada ben, cando é o principal sector, por non dicir o único, que temos. E todo o elo deriva de que os partidos políticos non queren poñerse a traballar de xeito conxunto para defender e promocionar a riqueza vitivinícola que posuimos. Boto moito en falta esa unión.

Unha vez fóra do Concello, disporá de máis tempo para as súas afecións deportivas?

Confío en dispoñer de algún tempo libre para andar en bicicleta e, sobre todo, ir á pesca da troita no noso querido Avia. Pero aínda será despois das vindeiras eleccións, porque a miña tarefa de organización tampouco vai ser doada.

Te puede interesar