O pleno de Leiro aproba incrementar a axuda a Berán

Este incremento é unha compensación polo IBI que o Concello está cobrando polos bens inmobles

O pleno de Leiro aprobou unha moción do BNG para incrementar a subvención que a Entidade Local Menor de Berán vai recibir en 2021, pasando de 4.000 a 7.000 euros anuais.

Este incremento é unha compensación polo IBI que o Concello está cobrando polos bens inmobles da entidade cun valor de 2.400 euros anuais. Na moción presentada polos nacionalistas tamén se recolle un punto que, baseándose nos informes técnicos da Deputación de Ourense, así como da Secretaría-Intervención municipal, reclama ao grupo de goberno seguir traballando para que, coa maior brevidade posible se bonifiquen os inmobles, dadas as súas especiais características económicas, sociais e culturais.

Desde o BNG manifestan que "sabemos que hai diferentes inversións que a Entidade Local Menor de Berán hoxe en día non está podendo executar, entre outros motivos, por sentirse afogada económicamente". Por iso, este grupo da oposición en Leiro considera que  "desde o concello débese axudar a que esta institución case centenaria sobreviva".  Os nacionalistas, engaden que "entendemos que é un orgullo para Leiro contar coa única Entidade Local Menor da provincia de Ourense e é a nosa obriga traballar para mantela nos anos sucesivos". De momento, no 2021, Berán verá incrementada a subvención.

Te puede interesar