o ribeiro

O pobo de Osmo perfila o futuro dos seus montes

Gabriel Alén e Miguel Pérez, no centro, xunto a técnicos e veciños de Osmo.
photo_camera Gabriel Alén e Miguel Pérez, no centro, xunto a técnicos e veciños de Osmo.

Os veciños e técnicos da Xunta avanzan no proxecto de "aldea modelo"

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuniuse este mércores co alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, e unha representación dos veciños da parroquia de Osmo, situada neste municipio, a fin de perfilar detalles na declaración como "aldea modelo" desta localidade. O encontro, no que participaron tamén técnicos que van xestionar a iniciativa, celebrouse para avanzar na definición do proxecto de “aldea modelo” neste núcleo de poboación, que recentemente presentou a primeira candidatura de Galicia para incorporarse á actuación promovida pola Consellería do Medio Rural. 

A xuntanza, de carácter técnico, dá continuidade á mantida con eles, o pasado 23 de xuño e no mesmo lugar de Osmo, polo propio conselleiro José González e na que lles felicitou pola súa candidatura e lles avanzou o apoio da Xunta para levala adiante.

O proxecto de “aldea modelo” ten como principal obxectivo defender as persoas e os bens da ameaza dos incendios forestais mediante diversas actuacións enfocadas á posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa dos 50 metros próxima ás vivendas. Neste caso concreto, o Concello de Cenlle propuxo o núcleo de Osmo por dispoñer dunhas 20 hectáreas de terreo abandonadas nas súas franxas de protección e que no pasado tiveron un aproveitamento agrícola ou gandeiro.

Trátase de executar a limpeza das chamadas franxas secundarias, aquelas que están máis próximas aos núcleos de poboación, para poñelas a producir. Así, unha vez limpas, porase en valor ese terreo creando actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros ou oliveiras, entre outros. Estes espazos funcionarán como barreira natural fronte o lume, xa que non será preciso efectuar o seu desbroce tódolos anos. 

Te puede interesar