NOMBRAMIENTO

O PP de Arnoia reelixe a Rogelio Martínez como presidente local

Conseguiu o 100% dos votos dos compromisarios neste primeiro Congreso do PP no ano 2017

Rogelio Martínez González foi reelixido como presidente da xunta local de Arnoia tras recibir o cen por cen dos votos dos compromisarios asistentes ao congreso celebrado onte na capitalidade do municipio. Martínez ocupa o cargo desde fai anos, desde que saíra elexido alcalde deste Concello.

Logo de agradecer o apoio amosado polos compromisarios a súa candidatura, o presidente local cualificou á convocatoria como “o congreso da renovación”, pois o 80 % das persoas que lle acompañarán nesta nova etapa incorpóranse por vez primeira á xunta local, aínda que tamén repiten outros como o exalcalde, José Fariñas, e algúns que xa foron concelleiros.

Unha xunta, afirmou Martínez, “que terá como obxectivo a máis absoluta colaboración e axuda ao goberno municipal, na procura das mellores condicións de vida para os nosos veciños”.

O presidente provincial, Manuel Baltar, destacou que nas próximas dúas semanas celebraranse cinco congresos locais máis, “cumprindo así co programa e cos obxectivos que nos marcamos, que non son outros que comezar a traballar de novo, logo dun intenso ano electoral, para conseguir nas municipais de 2019 os mellores resultados electorais na provincia”. Dirixíndose aos compromisarios e afiliados, Manuel Baltar advertiu que os éxitos alcanzados nas eleccións de 2016 só teñen unha orixe, “que está no traballo, na previsión e na planificación que facemos".

Te puede interesar