O PP de Ribadavia critica o retraso na bonificación ós coches sostibles

O Partido Popular de Ribadavia agradece que o goberno municipal vaia a modificar a ordenanza do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, no pleno do próximo 24 de novembro, para bonificar aos vehículos de mobilidade sostible, tal e como pediu este grupo municipal a través dunha moción aprobada en novembro de 2021.

Con esta modificación da ordenanza do IVTM os vehículos de mobilidade sostible, os eléctricos e híbridos (motor eléctrico-gasolina, eléctrico-diésel ou eléctrico-gas), gozarán dunha bonificación do 75% do imposto.

Os “populares” lamentan que esta modificación da ordenanza do IVTM chegue cun ano de retraso, “xa que de levarse adiante en novembro de 2021 tal e como pediu o Partido Popular, o beneficio fiscal xa podería terse aplicado no exercizo 2022”, sinalan. E engaden que “consideramos que é moi importante levar adiante esta modificación da ordenanza, ao tempo que lamentamos que o goberno vaia cun ano de retraso, xa que nun contexto no que cada vez se fai mais importante establecer medidas encamiñadas á redución de gases de efecto invernadoiro, parece razoable que dende as administracións públicas se establezan mecanismos de bonificación fiscal para as persoas que incorporen ao seu día a día actitudes e instrumentos que lles permitan reducir as súas emisións de gases”.

Te puede interesar