O RIBEIRO

O PP de Ribadavia asume o reto de gobernar en minoría

Cesar Fernández Ribadavia
photo_camera O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ribadavia, César Fernández.

César Fernández avanza que tomará a iniciativa ante a falta de acordo cos outros grupos políticos

O Partido Popular de Ribadavia anuncia a súa disposición a asumir en minoría o goberno de Ribadavia para o mandato 2019-2023. É unha decisión dos "populares" unha vez que comprobaron  que non poden contar con ningún outro grupo político para establecer un acordo para este próximo mandato que dote a Ribadavia dunha maioría ampla e estable. Así o manifestan despois de presentar o seu programa e manter contactos cos outros grupos, que xa lle transmitiron a súa intención de non apoiar a esta formación, que foi a máis votada e a que conseguiu o maior número de concelleiros.

Que o PP goberne nos próximos catro anos en minoría cos seus cinco ediles é a opción máis probable, ante a falta dun acordo entre as outras formacións políticas de esquerda. Os socialistas, con catro concelleiros, necesitaría o apoio de Ribeiro en Común que subiu de un a tres o número de ediles, para continuar ao fronte do concello. 

Pero o acordo está lonxe de producirse, xa que Ribeiro en Común pon como condición a retirada de Ignacio Gómez da alcaldía, algo que o PSOE non acepta.

César Fernández, sinalou que "unha vez que a veciñanza de Ribadavia deu o seu apoio maioritario á candidatura e ao programa electoral do Partido Popular, e tras comprobar que non podemos contar con ningún grupo político para establecer un pacto estable de lexislatura, estamos dispostos a asumir en solitario o goberno". O candidato engade que "non podemos entender que os outros grupos políticos se sitúen na perspectiva de bloques ideolóxicos, antepoñendo as siglas ao benestar da veciñanza, pero lamentablemente así

é, e por iso non conseguimos chegar a acordos". Nese sentido, sinala que "parécenos de todo incomprensible que un grupo como Ribeiro en Común que se presentaba ás eleccións dicindo ser unha agrupación de electores de carácter transversal non chegara nin a sentarse a falar con nós, establecendo un veto ideolóxico ao grupo político ao que a veciñanza de Ribadavia outorgou a súa confianza de xeito claro".

Te puede interesar