O PP ribadaviense solicita que se limpe de áridos o cauce do Avia

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia suliñou onte o lamentable estado no que se atopa o río Avia ó seu paso pola capital de O Ribeiro. Os 'populares' apuntan que nas últimas datas están a recibir numerosas queixas dos veciños, que manifestan a súa preocupación polas consecuencias que se poidan derivar, no vindeiro outono e inverno, do estado que presenta o leito do río.
Concretamente, as denuncias fan referencia ó estado do cauce nos barrios de A Quinza e San Cristovo e na mesma vila ribadaviense. Nestes puntos, os veciños observan a acumulación de grandes masas de terra, froito dos arrastres provocados polas enchentas do inverno. Según o voceiro do PP na Corporación, César Fernández, 'estes arrastres provocan unha alteración do cauce do río, co serio risco de inundación que iso pode supoñer durante o inverno.

CONSECUENCIAS
Así, os 'populares' consideran que é agora o momento preciso para acometer todas as actuacións necesarias para resolver este problema, xa que nesta época as condicións climáticas son óptimas para acometer unha limpeza do cauce. O obxectivo é evitar que, cando chegue o inverno, 'os veciños teñan que sufrir as consecuencias da ineficacia da xestión do goberno municipal en forma de anegamentos'. César Fernández engade, por outra banda, que a captación de auga que leva a cabo a empresa Aqualia no río Maquíáns non respeta o caudal ecolóxico, unha situación que pode derivar nun grave problema para a fauna piscícola, nunha época de especial seca.

O concelleiro de Servizos Sociais, Ignacio Gómez, recoñece que 'hai algunha sedimentación de áridos nalgunhas zonas do río, pero tampouco é moi preocupante'. Nembargantes, o Concello ribadaviense dirixirase á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para solicitar unha limpeza neses puntos localizados, 'xa que son eles os que teñen a competencia sobre o cauce fluvial', indicou o edil socialista. Encol do caudal ecolóxico do Maquiáns, o grupo municipal de goberno solicitará un informe á empresa Aqualia para coñecer os niveis de auga que circula por iste río e que non son aproveitados para a acometida da rede de abastecemento ó municipio, co obxectivo de correxir calquera desaxuste que se produza.

Te puede interesar