Preocupación en Santa María polos cortes da luz pública

Os socialistas reclaman ao goberno municipal o arranxo definitivo da avaría que deixa a oscuras as rúas

O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño reclama solucións “urxentes” para a falta de luz pública no núcleo poboacional de Santa María. Os socialistas esíxenlle ao goberno municipal do Partido Popular que proceda a dar solucións á veciñanza, que leva máis dunha semana coas rúas sumidas na escuridade “absoluta”, o que ten aos veciños “totalmente indignados”.

Sinalan que dende a instalación das luces de Nadal “o problema repítese a diario, provocando que as rúas de Santa María queden totalmente sen luz coa chegada da noite”. Unha situación que ten moi preocupada á veciñanza, porque “faise moi difícil o tránsito por rúas sen alumeado público e supón un risco para a seguridade dos viandantes”.  

A portavoz socialista, Catalina González, fai fincapé en que “non temos constancia de cal é o motivo polo que o alumeado público salta de xeito constante”.

O alcalde, Avelino Pazos, declara que houbo dificultades para localizar a avaría, pero que en principio xa está reparada. “Esperemos que por fin desen co problema”, sinala.
Asegura o rexedor que son avarías que se producen e que “se van arranxando, o problema é que coincidiu co fin de semana e o martes festivo, e o luns non deron con ela pero onte parece que si e xa houbo luz pública”.

Te puede interesar