Un proxecto permitirá a construcción dunha residencia xeriátrica no municipio de Leiro

O alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, presentou ante a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, un proxecto para a creación dunha residencia da terceira idade de 70 prazas. O rexedor ‘popular’ fixo esta proposta no decurso dunha visita que López Abella e Martínez realizaron ó municipio.

O alcalde e os dous representantes autonómicos trasladáronse a olla-los terreos onde estaría previsto construir o centro xeriátrico, nunha parcela próxima a área de recreo do río Avia e que conta cunha superficie total de 5.000 metros. Francisco José Fernández sinalou que ‘tanto a secretaria xeral coma o delegado amosáronse dispostos a estudar con rigor este proxecto, que consideraron ideal para Leiro’. Neste sentido, Susana López destacou ‘o número elevado de xente maior que vive non só en Leiro senón en toda a súa área de influencia’.

Pola súa banda, Rogelio Martínez asegurou que ‘dende a Xunta traballamos para aumenta-lo benestar dos nosos maiores e estudiaremos a viabilidade desta iniciativa’. Finalmente, o alcalde anfitrión acompañou ós visitantes a outra parcela, xa adquirida polo Concello de Leiro para a posible ubicación dun centro de día, outra das infraestructuras que Fernández considera básicas para o municipio.

Te puede interesar