Política local

O PSOE afirma que logrou o arranxo da luz pública en Beade

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Beade impulsou, a través dun movemento reivindicativo, na última sesión plenaria extraordinaria do Concello o arranxo do alumeado público en varios puntos de diferentes parroquias do municipio, que levaban tres meses con graves deficiencias e coa veciñanza "as escuras" nas rúas pola "neglixencia e incompetencia do rexedor do Partido Popular, Senén Pousa". 

Os socialistas acusan ao rexedor de facer oídos xordos ás reclamacións da oposición e da veciñanza"e cúlpano de "cambiar os plenos o seu entoxo, co fin de anular a quenda de rogos e preguntas e que a oposición non poida reivindicar solucións para os problemas da veciñanza".

Para a concelleira socialista, Carmen Rama Cotelo, "é unha gran nova que xa teñamos luz, o que demostra que as reivindicacións e a loita diaria do noso grupo municipal ao fin da os seus froitos". Rama Cotelo considera que "é indignante" que a veciñanza estivese tres meses con graves problemas no subministro eléctrico e que o alcalde "só mova ficha cando o PSOE acude aos plenos a reclamar por activa e pasiva solucións". 

Tamén critican os representantes do grupo municial socialista que o rexedor opte por "plenos á medida", nos que trata de evitar os rogos e preguntas. Así, refírese ao cambio do pleno ordinario por extraordinario, "no que non permitiu preguntas" e que segundo expresan os socialistas "amosa a postura antidemocrática do rexedor e do seu grupo de goberno, que secunda todas as súas decisións".

Te puede interesar