politica

O PSOE insta a auditar gastos municipais en Castrelo de Miño

O grupo socialista solicita a inspección do remanente e da débeda do Concello con terceiros correspondente ó ano pasado

O grupo municipal do PSOE de Castrelo de Miño presentou este mércores unha moción dirixida á alcaldía para que a Corporación abra un debate orientado á realización dunha auditoría das contas do Concello correspondentes ós dous anteriores mandatos. Entre outros apartados, demandan unha revisión das dietas, gastos de desprazamento e manutención e tamén dos investimentos correspondentes ó periodo 2011-2019.

Ademais, solicitan unha investigación sobre os gastos de combustible dos vehículos municipais e as subvencións recibidas entre 2015 e 2019, así como da contratación da reforma da Casa do Concello, dende o inicio das obras, en 2010, ata o remate destas, en 2014. Finalmente, piden a inspección do remanente e da débeda do Concello con terceiros correspondente ó ano pasado.

A voceira do PSOE na Corporación, Catalina González, xustifica a proposta "co obxectivo de que exista gobernabilidade do Concello e por hixiene democrática e transparencia". Engade que "o noso grupo entende necesario para o inicio desta nova andaina municipal, que se faga unha auditoría destas partidas económicas, en determinadas áreas de contabilidade local de procedementos de contratación".

Os socialistas de Castrelo de Miño consideran que "está xustificado o gasto que suporía esta auditoría para o Concello, despois de ter consultado con expertos nesta materia".

Te puede interesar