O PSOE de Leiro pide un informe para seguir na Mancomunidade

O PSdeG-PSOE vén de solicitarlle ao secretario-interventor do Concello de Leiro a elaboración dun informe económico no que se contemple a situación favorable ou desfavorable de que este municipio continúe formando parte da Mancomunidade do Ribeiro. Afirman os socialistas, que o alcalde, Francisco José Fernández, negoulles o referido informe, pero que van intentar por todos os medios conseguilo.

O alcalde de Leiro sinalou que "nun momento do debate da comisión de contas foi pedido o dito informe, pero o portavoz do PSOE non pode pedir ningún informe, só o pode pedir o alcalde ou un acordo plenario".

O grupo da oposición, pola súa banda, afirma que "os servizos prestados pola mancomunidade resultan gravosos para a economía do noso municipio. Esta situación é froito dos intereses económicos, políticos e personais que, desde sempre, afectan á xestión da mancomunidade".  Engaden os socialistas que esas razóns son as mesmas que motivaron o abandono dos concellos de Ribadavia, Castrelo de Miño, Melón, Carballeda de Avia e Avión. "Na actualidade, e desde fai tempo, as aportacións dos concellos e dos veciños non son suficientes para manter aberta esta institución, tendo que cubrir a Xunta de Galicia, mediante subvencións a mitade dos gastos presupuestados cada ano", matiza o portavoz, Manuel Rodríguez.

Tasas

O concelleiro socialista critica que "nestes últimos días pasaron ao cobro os impostos e tasas, sin importar a situación sanitaria e económica actual pola que atravesa  todo o país". Por todo iso, Manuel Rodríguez insiste en reclamar un informe sobre a conveniencia de seguir na mancomunidade.

Te puede interesar