O PSOE leva ante a Valedora do Pobo o censo de Castrelo de Miño

Os socialistas reprochan ó PP facer “empadroamentos masivos” en casas “inhabitables”

O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño vén de denunciar ante a Valedora do Pobo e o Instituto Nacional de Estadística os empadroamentos que califica de “masivos” levados a cabo polo Partido Popular no municipio. O grupo do BNG xa fixo a mesma denuncia ante o INE e agora os socialistas afirman que das 46 novas altas rexistradas no padrón municipal no último trimestre aprécianse “numerosas irregularidades, unha vez consultado o expediente de altas”.

Este grupo sinala que estes empadroamentos “masivos leváronse a cabo en casas totalmente pechadas e inhabitables e que son propiedade de concelleiros do Partido Popular, do tránsfuga e incluso de familiares directos de cargos do PP”. Os socialistas poñen o foco, principalmente, no núcleo de Covelas, “no que se empadroou a 14 persoas, 7 nunha casa dun concelleiro do Partido Popular e tenente de alcalde, e outras 7 na casa dun familiar directo desta persoa”.

O alcalde, Avelino Pazos, afirma que o crecemento pode deberse a campaña que están facendo para “convencer á xente que está empadroada noutros concellos que se cambie para que o Concello non morra”, e recorda tamén as ventaxas de figurar no padrón de Castrelo de Miño, onde se ofrecen servizos gratuítos como os de dúas casas niño e dúas do mayor, e sendo ademais un concello emprendedor tamén hai bonificacións de ata un 95% para empresas.

Te puede interesar