Concello

O PSOE de Ribeiro pide novas bases nas axudas aos hostaleiros

Os socialistas consideran que non se debe esixir que estén empadroados nin que estén ao día no pago de impostos

O PSdeG-PSOE de Ribadavia advirte que de non modificarse as bases das axudas á hostalería que o goberno municipal do Partido Popular pretende aprobar, unha gran parte dos hostaleiros, concretamente máis dun 50%, segundo as cifras que manexan os socialistas, non poderán optar a ditas axudas. Por este motivo, o grupo municipal socialista presentou un escrito no que solicita que "se corrixa de forma urxente" as bases das liñas de axuda.

Os socialistas esgrimen que as bases "deberían estar consensuadas" e lembran que foi precisamente o PSOE o impulsor do pacto para a aprobación dunha modificación de crédito, feita xa en maio, que impulsara este tipo de iniciativas de apoio aos sectores da hostalería, a restauración e o pequeno comercio. 

No escrito presentado por rexistro piden que se modifique a condición de excluír aos non empadroados, como actualmente se recolle nas bases presentadas polo PP. "Consideramos un erro esta decisión porque hai hostaleiros que poden non estar empadroados na vila, pero si o están os seus empregados e pagan os seus impostos na vila, polo que consideramos inxusto que esta xente, que é moita, quede fora da liña de axudas", explica o portavoz, Ignacio Gómez,

 Ademais, piden axudas que sexan progresivas e que se teñan en conta varios criterios coma son o tempo de peche dos negocios, o número de empregados ou a riqueza que xeran directamente na vila. Outro requisito que se esixe é o de estar ao día nos pagos de impostos e taxas. "Defendemos que todos os empresarios e veciños deben de estar ao día no pago de impostos, pero consideramos que na situación actual de pandemia e restricións, hai que dar opción a esta xente que tan mal o está a pasar", matizan.

Te puede interesar