política

O PSOE reclama a limpeza das farolas públicas en Ribadavia

Os socialistas consideran que a falta de limpeza das luminarias pode xerar problemas de seguridade

O grupo municipal socialista de Ribadavia vén de denunciar o pésimo estado de abandono no que se atopan a meirande parte das farolas e dos puntos lumínicos da vila desde hai meses, polo que reclaman ó Concello un plan urxente de  limpeza que permita un estado óptimo de conservación destes elementos do alumeado. O voceiro do PSOE, Ignacio Gómez, lembra que "sempre se facían varias limpezas integrais, unha delas xusto antes do verán, de tódolos puntos de alumeado, para evitar esta vergoñenta situación, con moitas queixas veciñais".

O concelleiro socialista tamén salienta que, antes de deixar a alcaldía de Ribadavia,"xa fixeramos unha primeira limpeza,pero o desleixo do actual equipo de goberno ten a vila completamente abandonada, xa que o  alcalde está máis preocupado por saír nas fotos con Feijóo e Baltar". Por todo elo, os socialistas reclaman a  limpeza e o saneamento inmediato das luminarias, "porque, a pesar  de coñecer estes problemas, o rexedor non moveu un dedo, e xa  estamos encamiñados cara ó final do verán". 

Ignacio Gómez engade, ademais, que "a falta de iluminación derivada do abandono da conservación das farolas pode xerar problemas de seguridade, por exemplo, pola falta de visibilidade dos automobilistas".

Por outra banda, o grupo socialista tamén asegura ter detectado un preocupante aumento de vehículos invandindo as zonas peonís do casco histórico de Ribadavia, "outra situación preocupante que pon en risco a seguridade dos viandantes, e que afea e afecta negativamente ó patrimonio, e  que, asemade, incumpre  a normativa vixente". Ó respecto, Gómez recorda que, en anos anteriores, o Concello facía unha campaña informativa para veciños e visitantes.

Te puede interesar