CONCELLO

O PSOE de Ribadavia critica os recortes para a limpeza de viais

O alcalde de Ribadavia repróchalle que votara en contra de contratar un condutor 

O PSOE manifesta o seu malestar polo recorte da Xunta de Galicia dos fondos públicos destinados á mellora de camiños rurais en Ribadavia, ante o "beneplácito dun alcalde cómplice", sinala. Os socialistas afirman que a redución é de 10.000 euros das axudas ao concello para a mellora dos accesos ás parcelas agrícolas, pasando neste 2020 a 26.351 euros, cando en 2019 se percibiron 36.637, "o que demostra unha vez máis o abandono sistemático do noso rural por parte do goberno do Partido Popular de Galicia", matizan.

Por iso, anuncian que levarán ao próximo pleno unha moción referente ao plan marco para a mellora de camiños rurais, no que solicitarán que se inste á Xunta de Galicia a non recortar os fondos deste plan que mellora os accesos ás parcelas agrícolas para o período 2020-2021. Pedirán o acordo dos grupos políticos para que no caso de que a Xunta manteña o recorte, se inste á Deputación de Ourense a que aporte ós concellos da provincia os fondos suprimidos do plan marco de mellora de camiños municipais.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, considera sorprendente a preocupación dos socialistas "cando no pleno de xaneiro votaron en contra dun orzamento que creaba unha praza de condutor de maquinaria que permitiría poñer a funcionar durante todo o ano a pala e o tractor municipal, precisamente para que os camiños se mantiveran en perfecto estado todo o ano". Engade o rexedor que o PSOE tería que dar explicacións por que votou en contra "de que se arranxen os camiños forestais e agrícolas".

Te puede interesar