O Ribeiro

O PSOE ribadaviense pide a apertura dunha bolsa de emprego

O Ribeiro

o ribeiro

O PSOE ribadaviense pide a apertura dunha bolsa de emprego

Con esta iniciativa o Concello terá a posibilidade de facer substitucións para cubrir baixas laborais que se poidan ocasionar por enfermidade, permisos ou vacacións do persoal 

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ribadavia vén de presentar unha moción para o seu tratamento plenario, relativa á creación dunha bolsa de emprego para dar saída as listas de contratación de persoal do Concello. O voceiro socialista, Ignacio Gómez, lembra que "dende o primeiro mandato, no ano 2015, tomamos a iniciativa, baseada na transparencia, de convocar a apertura das listas de contratación de tódalas categorías profesionais do Concello, e nas que se recolleron máis de 500 solicitudes".

Deste xeito, os socialistas consideran necesario "que se continúe coa máxima transparencia, mediante listas públicas e accesibles ós candidatos, co obxectivo de dar unha prestación do servizo regulado por medio de convocatoria pública e transparente, coma se veu facendo nos anteriores mandatos nos que o PSOE estivo no goberno de Ribadavia".

Polo tanto, o grupo municipal do PSdeG-PSOE demanda a elaboración dunhas bases para o procedemento de convocatoria de apertura da bolsa de emprego, "para que as persoas interesadas se poidan incorporar ás listas de contratación temporal". Así, o Concello ribadaviense terá a posibilidade de facer substitucións para cubrir baixas laborais que se poidan ocasionar por enfermidade, permisos ou vacacións do persoal adscrito á plantilla municipal.

Más en O Ribeiro