Os rapaces de Ribadavia terán gardería no verán

<p></p>
photo_camera A actividade desenvolverase nas instalacións do colegio Tomás de Lemos.

Haberá descontos para as familias con menos recursos e as numerosas 

A Concellería de Benestar Social de Ribadavia porá en marcha unha gardería de verán para nenos de 3 a 12 anos, que funcionará entre o 27 de xuño e o día 7 de setembro. Estará dirixida polo centro de ensinanza Bolboretas, e desenvolverase nas instalacións do colexio público Tomás de Lemos, co fin de que poidan ter cabida tódolos nenos que se apunten. A iniciativa lévase a cabo dende fai cinco anos, debido ao éxito que ten entre as familias, fundamentalmente daquelas en que os pais traballan.

Este ano, como novidade, programaranse dous días a semana nos que unicamente se falará en inglés, contando para elo coas dúas voluntarias europeas da Oficina Municipal de Información Xuvenil. A concelleira de Benestar Social, Noelia Rodríguez, adiantou que o Concello concederá axudas para as familias de menos recursos económicos para que poidan acceder a este servizo. Así, haberá desconto dun 25% en todos os tramos de horas para familias con ingresos totais do 1,65 do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) ata 878 euros ao mes. Tamén desconto dun 10% en familias numerosas e para o segundo fillo. Os costes están en función do número de horas diarias e do periodo que se utilice o servizo.

Durante a estancia, os rapaces disfrutarán de diversas actividades como a de relación cos maiores do asilo, unha xornada de educación vial contando coa Policía Local e o GES, un taller de primeiros auxilios dirixido pola Cruz Vemella do Ribeiro, dous días a semana de piscina e unha festa para a que poderán dormir unha noite nas instalacións do colexio, ademais de visitas guiadas ao casco histórico e o castelo da vila.

Durante o mes de xullo do pasado ano participaron entre 45 e 60 rapaces, e en agosto e setembro, de 20 a 25. Para o desenvolvemento desta iniciativa cóntase con monitores de ocio, educadora infantil e entrenador deportivo.

Te puede interesar