O RIBEIRO

A reforma do parque Robla potenciará o casco histórico

20190205203346233_result
photo_camera O parque Robla é un dos principais miradoiros do casco histórico de Ribadavia.

As obras consistirán no empedrado, cambio de mobiliario, de iluminación e melloras na fonte

Unha reforma integral do parque Robla contribuirá a realzar o casco histórico de Ribadavia. Trátase dun espazo que se atopa bastante deteriorado polo que os responsables municipais encargaron un proxecto para a súa remodelación, ao mesmo tempo que a Xunta Local de Goberno acordou onte solicitar unha axuda da Axencia Galega de Turismo para a “Recuperación e posta en valor do parque Robla de Ribadavia”. O orzamento desta obra alcanza os 44.891 euros, dos cales o concello tería que encargarse do 20% do montante.

O grupo de goberno é consciente de que este parque necesita un arranxo e a súa posta en valor, xa que se trata dun lugar moi visitado, pois está nun dos principais miradoiros do casco histórico e do barrio xudeu.

A actuación consistirá no empedrado desta contorna, segundo as condicións que sinale Patrimonio;  no cambio, colocación e adaptación do mobiliario urbano e a recuperación da fonte existente, que pasará a ter un circuíto pechado ornamental xa que alí non se conta con manantial; tamén se instalará nova iluminación pública para facer máis acolledora esta zona que é das máis visitadas de Ribadavia.

O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, igual cos demais membros do grupo de goberno, mostráronse convencidos de que a axuda solicitada á Axencia Galega de Turismo será concedida, tendo en conta que xa se aprobaron en anos anteriores outros proxectos como a mellora da accesibilidade aos baños públicos do Auditorio do Castelo e a reforma do cemiterio municipal, "que foron obras que contaron cunha boa valoración e co beneplácito da veciñanza da vila", puntualizou o alcalde. No cemiterio levouse a cabo unha importante intervención co acondicionamento dos accesos e das rúas interiores, que antes encharcábanse con facilidade, entre outras obras.


Ribeiro en Común tamén reclama melloras na Robla


Os responsables municipais confían en levar a bo termo este proxecto, tendo en conta que "Ribadavia está considerado como Municipio de Interese Turístico por parte da Xunta de Galicia, é un dos principais referentes turísticos da provincia de Ourense e do interior de Galicia, factores que axudan a consolidar este apartado como prioritario", sinala Ignacio Gómez. O grupo municipal Ribeiro en Común tamén presentaba onte unha moción no concello para que se reformen os espazos singulares da Portanova e do parque Robla. Considera que as melloras deben facerse a través dun proxecto integral "por ser moi importantes para a boa saúde do casco histórico de Ribadavia".

Te puede interesar