INFRAESTRUCTURAS

Reformas de dous camiños en San Cristovo e Francelos

francelos
photo_camera Estado actual do acceso á escola de Francelos.
Os traballos mellorarán a pavimentación en ambos viais

O Concello de Ribadavia vai acometer obras de mellora dos camiños de acceso á escola de Francelos e da congostra na localidade de San Cristovo. Estas intervencións están cofinanciadas polo Concello de Ribadavia e a Consellería do Medio Rural e contan cun orzamento total de 44.210 euros.

Os traballos previstos consisten nunha mellora da pavimentación, no caso do camiño en Francelos, e da pavimentación con formigón do camiño existente en San Cristovo que actualmente se atopa con capa vexetal.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, afirmou que "estas actuacións corresponden a obras recollidas no orzamento municipal aprobado no pasado mes de xuño e con elas estanse a cumprir os compromisos adquiridos coa sociedade de Ribadavia e cos outros grupos políticos municipais que posibilitaron a aprobación deste orzamento".

Os responsables municipais esperan comezar os traballos en próximos días para dar resposta a demanda da cidadanía.

No caso do acceso á escola de Francelos, a calzada está en moi mal estado, polo que os veciños reclaman unha mellora da pavimentación, que é o que se contempla neste proxecto que se vai executar.

En San Cristovo, a utilización de formigón mellorará en gran medida o tránsito fundamentalmente para os vehículos.

O goberno municipal do Partido Popular, que se atopa en minoría, negociou con outras formacións políticas da oposición varios proxectos para poder contar co apoio ao orzamento anual.

Te puede interesar