O RIBEIRO

Ribadavia achega 100.000 euros para o campo de herba artificial

Propón ubicalo no Xestal, onde está o de herba natural, e o seu custo pode chegar aos 500.000 euros

O Concello de Ribadavia comprométese a aportar un total de 100.000 euros para a construcción dun novo campo de herba artificación na vila. Este acordo foi tomado o pasado luns, no transcurso da reunión que celebrou a Xunta de Goberno Local.

Segundo sinala Javier Iglesias Sendín, concelleiro de Contas e Facenda, o acordo foi tomado co obxectivo de que ese compromiso forme parte dos plans provinciais do vindeiro ano 2018. Neste sentido, o Concello ribadaviense comprométese a aportar 52.000 euros de recursos propios e 48.000 euros dos cartos que lle correspondan con cargo aos plans provinciais para a cofinanciación desta futura infraestrutura. Javier Iglesias afirma que esta cantidade "é moi superior á que se lle asignaba ao Concello no informe que elaborou o secretario provincial" sobre as aportacións que deberían asumir as institucións implicadas neste proxecto e que son o Concello, a Deputación Provincial e a  Confederación Hidrográfica.

Con esta iniciativa o Concello pretende resolver o grave déficit de infraestruturas deportivas que sufre desde que o Ministerio de Fomento inutilizou boa parte do campo de herba artificial situado debaixo do viaducto da autovía A-52, logo de que caeran varios obxectos desde vehículos que circulan por ela. Esta situación prolóngase desde o ano 2015, e está xenerando graves problemas aos clubes deportivos do Concello. "Este novo campo de herba artificial é moi necesario", asegura Javier Iglesias, quen engade que "cómpre darlle solución urxente", xa que afecta especialmente aos clubes de fútbol base e veteranos, que teñen que andar peregrinando por outros concellos para xogar ou facelo en campos de terra, e incluso algún desaparecou ao non ter onde xogar.

O novo campo de herba artificial ubicaríase, segundo o concelleiro ribadaviense, na zona do Xestal, onde se atopa o campo de herba natural. O custo total do proxecto podería acadar os 500.000 euros. O campo agora inutilizado por Fomento custou no ano 2012 uns 300.000 euros, que foran financiados pola Deputación. A diferencia de custo, segundo Javier Iglesias, radica  en que a zona do Xestal é de terra vexetal e sería necesario retirala, ata chegar ó firme, recheando despois con graba e sábrego, antes de colocar a herba artificial.

O Concello ribadaviense agarda chegar a un consenso coa Deputación provincial para acometer esta iniciativa e incluso se ofrece, segundo Javier Iglesias, a elaborar o proxecto. "Farían falta uns seis meses para toda a tramitación burocrática, co que en xuño podrían adxudicarse as obras e para o comezo da próxima tempada, en setembro, o campo podería estar disposible", conclúe Iglesias Sendín.

Te puede interesar