Ribadavia acolle un encontro de gaiteiros ibéricos

A actuación será hoxe ás 12,00 horas, na Praza Maior.
photo_camera A actuación será hoxe ás 12,00 horas, na Praza Maior.

Son seis intérpretes de gaita procedentes de Galicia, Cataluña, Aragón, Asturias, Castela e León e Portugal

Seis afamados intérpretes de Galicia, Cataluña, Aragón, Asturias, Castela e León e Portugal actuarán en oito vilas galegas, entre as que figura Ribadavia. “Piperegrinos” é un espazo de difusión e posta en valor de diferentes gaitas ibéricas e dos seus repertorios dirixidos a todos os públicos.

“Desde o Concello de Ribadavia agradecemos á Xunta de Galicia que, no marco da celebración do Xacobeo 2021-2022, programe un concerto do acontecemento “Piperegrinos, as gaitas do Camiño”, grazas ao cal poderemos gozar en Ribadavia dun encontro de destacados gaiteiros de toda a Penísula”, sinalan os responsables municipais.

O espectáculo está previsto para hoxe, ás 12,00 horas, na Praza Maior, coa participación de seis intérpretes de gaita que actuarán en formacións trío e dúo, coa participación de 17 músicos. Os gaiteiros que intervirán neste acontecemento son: Francesc Sans acompañado de Manel Martorell e Titus Prats; Adrián Gil, Alberto Navas e Serchio Pardos; José Manuel Tejedor, Richard García e Daniel Álvarez; Luis Antonio Pedraza, Carlos Beceiro e Miguel Mateos; Tiago Morais e Tiago Marques; e Oscar Ibáñez, Xosé Liz e Andrés Vilán.

Para Ribadavia é importante, “ademais de poder gozar deste espectáculo, estar entre as vilas elexidas e ligadas ao camiño xacobeo”, indican as autoridades locais.

Te puede interesar