Ribadavia contará cun mural dedicado ás irmás Touza

Parede na que se realizará o mural.
photo_camera Parede na que se realizará o mural.

A ubicación do mural homenaxe ás irmás Touza será no barrio da estación, na parede do antigo Hostal Alfonso, cerca de San Francisco

Ribadavia realizará un mural de homenaxe ás irmás Touza. “A Nai, homenaxe ás Irmás Touza” é o título do mural. A súa ubicación será no barrio da Estación, na parede medianeira do antigo hostal Alfonso, edificio situado nunha das entradas a Ribadavia, entre a estación de ferrocarril e o Convento de San Francisco. 

O deseño foi supervisado e aprobado pola Comisión do PERI o pasado venres, e será realizado polo artista urbano Jotapé, “JP”.  

O Concello é o promotor desta acción con varios obxectivos: continuar coas actividades de Memoria Histórica de Ribadavia e coa posta en valor e difusión do legado das Irmás Touza, así como a reivindicación da muller. 

Esta iniciativa lévase a cabo coordinada entre dúas concellarías, a de Mocidade e a de Cultura, en colaboración coa “Asociación Interplusvalía” e o “Proyecto Confluencias y Fronteras” a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil ( OMIX).

Esta acción sitúase dentro do proxecto artístico e educativo “Confluencias y Fronteras” que foi lanzado  por Elisabeth Bourdon, de Bretaña, que estivo en varios intercambios do IES Ribeiro na adolescencia, o que lle valeu para coñecer o territorio e pretender valorizar o sincretismo, as referencias culturais, históricas, linguísticas e gastronómicas que comparten Bretaña, Galicia e o Norte de Portugal, segundo apuntan desde o Concello.

Te puede interesar