O Ribeiro

O Concello de Ribadavia ten Plan Xeral despois de 33 anos

O Ribeiro

Urbanismo

O Concello de Ribadavia ten Plan Xeral despois de 33 anos

César Fenández, Ángeles Vázquez e Encarnación Rivas, no centro, xunto a concelleiros.
photo_cameraCésar Fenández, Ángeles Vázquez e Encarnación Rivas, no centro, xunto a concelleiros.
O documento da vía libre a proxectos como o novo cemiterio e a posibilidade de 1.041 vivendas novas 

O Concello de Ribadavia conta desde onte co seu primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), despois de 15 anos desde que puxo en marcha o proceso, e tras 33 coas normas subsidiarias en vixencia. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, firmou onte a orde de aprobación deste plan que guiará o desenvolvemento do concello para os vindeiros 20 anos. 

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, declaraba que o PXOM permitirá a corto prazo poñer en marcha dous proxectos prioritarios, por un lado o cemiterio municipal, tendo en conta que o actual está saturado e que hai unha grande demanda. O PXOM contempla para elo un espazo cara a zona de Francelos. "É unha prioridade e porémonos a traballar nelo o antes posible", sinalou. Por outra banda, este goberno municipal apunta á construción dunha nave na que se aglutinen servizos como emerxencias, obras, medio ambiente e que sirva de almacén, tendo en conta que agora están dispersos en diferentes locais, aínda que a súa ubicación está pendente de estudiar. Así mesmo, proxecta mellorar as instalacións deportivas, co obxectivo final, entre outras ideas, de unha nova piscina municipal. 

Ángeles Vázquez destacou durante a súa estancia en Ribadavia o esforzo realizado para facilitar que máis de 5.000 habitantes das oito parroquias de Ribadavia se beneficien do primeiro PXOM, despois de estudar polo miúdo os máis de 27 quilómetros cadrados de superficie. Neste concello máis dun 90% do territorio é solo rústico, seguido xa a moita distancia polo solo urbano, cun 4,90%; o solo de núcleo rural, o 3,45%; e o solo urbanizable, o 0,73%, polo que o novo plan favorece o desenvolvemento equilibrado e sostible deste concello, ao tempo que se compatibiliza a protección e potenciación do patrimonio natural e cultural, histórico, artístico e etnográfico, segundo sinalou a conselleira.

Nese sentido, aportaba o dato de que hai na actualidade 3.983 viviendas e queda contemplada a posibilidade de 1.041 máis. O documento tamén respecta e impulsa a vida nas parroquias, incrementando  en case 3 puntos a superficie para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes (330.852 m2, un 168% máis do que esixe a Lei). E , por último, resérvanse case 155.000 metros cuadrados  para o sistema de equipamento comunitario.



Apoio unánime de todos os grupos

Coa aprobación definitiva do PXOM de Ribadavia son xa 105 os concellos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente en Galicia. Ángeles Vázquez felicitou á corporación polo apoio unánime ao PXOM, ao actual grupo de goberno e tamén aos anteriores que traballaron no proceso, e referíuse a Ribadavia como "unha vila fermosa que hai que seguir revitalizando e impulsando", pero sendo sostibles a nivel económico, medioambiental, urbanístico, natural e a nivel cultural , segundo queda refrexado no documento.

Engadiu que despois de 33 anos coas normas susbsidiarias estase dando "un paso ao frente para unha mellora da habitabilidade", pero tamén de respecto das tradicións  e con solos dispoñibles para usos complementarios. Ángeles Vázquez lembrou que o traballo desenvolvido nos últimos 10 anos en materia de urbanismo ten coma obxectivo que non haxa ningún concello sen PXOM. Neste sentido, referiuse á aprobación da Lei do Solo no ano 2016 e do regulamento que a desenvolve; á posta en marcha do Plan Básico Autonómico en 2018; aos futuros plans básicos municipais para concellos de menos de 5.000 habitantes e á nova Lei de Ordenación do Territorio.

Más en O Ribeiro