CULTURA

Ribadavia ofrecerá no castelo o festival Ukp Day de ukelele

O evento está previsto para o 6 de xuño e xa ten confirmado a banda Birds are Indie e a Claudia Pascoal

O festival de ukelele de Ribadavia, Ukp Day, terá lugar o próximo día 6 de xuño, segundo confirman os responsables municipais encargados da súa organización. Será a quinta edición e celebrarase no interior do castelo medieval dos Sarmiento. Nestes momentos, xa adelanta as primeiras confirmacións no que respecta ás actuacións musicais, contando coa banda Birds are Indie, que xa formara parte do festival na primeira edición; e coa artista Claudia Pascoal, amplamente recoñecida en Portugal por, entre outras cousas, ter representado ao seu país no Festival de Eurovisión 2018.

Neste ano do seu quinto aniversario, a organización do festival quere apostar por incrementar a conexión cultural con Portugal, país de orixe do ukelele. Unha conexión que se materializará coa inclusión de varios artistas deste país tanto a nivel artístico como musical, chegando a acadar a cota do 50% de contidos do evento, e reservando a outra metade para os artistas galegos. "Buscamos que o festival funcione como lugar de encontro da cultura da Eurorexión Galicia- Norte de Portugal" aseguran dende a organización.

Ukp Day é o primeiro festival de música de ukelele de Galicia e do Noroeste. Unha iniciativa que xurdiu a raíz dun proxecto artístico que tivera lugar en 2014: O Ukelele Kit Project, coñecido tamén como UKP. Dende 2016 o proxecto vense celebrando baixo o formato de festival en Ribadavia, "consolidándose como un dos  máis orixinais e con encanto da nosa comunidade", sinalan os responsables municipais.

Ademais dos concertos exclusivos con ukelele, ese día tamén se levan a cabo outras actividades complementarias como exposicións, obradoiros infantís, intervencións artísticas, charlas, mercado creativo e postos de gastronomía. 

Outro atractivo do festival é o espazo no que se realiza, que é o interior do castelo medieval de Ribadavia do século XI, un marco incomparable para un evento destas características que busca resaltar o seu valor patrimonial. O festival terá lugar o 6 de xuño en horario diurno, de 12,00 a 22,00 horas, e a entrada é de balde.

Cláudia Pascoal ten 25 anos e saltou á fama cando representou a Portugal no Festival de Eurovisión en 2018 co tema "O Jardim". Tamén participou en programas de televisión como "Ídolos", "Factor X" e "A Voz". Birds are Indie é un grupo que xurdiu en Coimbra no 2010. Despois de varios LP e 4 álbums, presentará o quinto LP "Migrations".

Te puede interesar