O RIBEIRO

Ribadavia renova o sistema de calefacción dos colexios

Substituirá os radiadores eléctricos por caldeiras de biomasa, para aforrar o 50% no recibo da luz

 

A instalación de dúas caldeiras de biomasa para calefacción nos centros de educación rural de San Cristovo e Francelos permitirálle ó Concello de Ribadavia un aforro importante na factura eléctrica, unha vez se leve a cabo a execución do correspondente proxecto técnico. O investimento global ascende á cantidade de 25.000 euros, dos que a Xunta de Galicia aporta 16.600 e o resto (8.400 euros) debe saír das arcas municipais.

Neste sentido, a Corporación ribadaviense reuníase na mañá de onte nun pleno extraordinaria para dar o visto bó á modificación de crédito que permite librar a devandita aportación, e que foi aprobada por unanimidade. Coas caldeiras de biomasa, o Concello aforrará un mínimo dun 38% con respecto ós radiadores eléctricos actualmente instalados nos dous centros educativos, "pero o aforro elévase ó 50% cando o rendemento calorífico é óptimo", apunta o concelleiro de Economía, Javier Iglesias.

Unha vez sexan adxudicadas, as obras executaránse de xeito que tanto en Francelos coma en San Cristovo "non se teñan que interrumpir as clases, evitando que rapaces e profesores se vexan afectados ", indica o edil socialistas. Así, o Concello prevé que os traballos de instalación das caldeiras se desenvolvan polas tardes, fóra do horario lectivo fixado pola dirección dos centros educativos. 

Te puede interesar