Os ribadavienses decoran as prazas e monumentos

O Concello de Ribadavia iniciou onte a instalación da iluminación de Nadal que este ano estará presente en todas as localidades do municipio. Ademais, segundo indican os responsables municipais, ao longo desta semana procédese a colocar a decoración de Nadal en diferentes prazas, espazos públicos e edificios emblemáticos de Ribadavia.

A decoración é posible grazas á colaboración entre o Concello e colectivos como Establecementos Asociados, Mulleres Rurais e veciños de Ribadavia que participan a título individual, permitindo crear un ambiente baseado na cooperación e participación de toda a cidadanía, "para deste xeito que o espírito do Nadal contribúa a levar mellor os tempos de dificultades que estamos a vivir a raíz da crise sanitaria do covid-19", apuntan desde o Concello.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que "queremos agradecer a participación da veciñanza nesta campaña de decoración xa que grazas a eles, ademais de atoparnos con un concello que lucirá fermoso nestas datas, conseguimos trasladar tamén a mensaxe á cidadanía da necesidade de cooperación e do caracter participativo que debe ter este Nadal e que debe estar presente en todos os retos que se nos plantexan cara o futuro", e lembra a importancia de comprar no comercio local.

Te puede interesar