política

Ribeiro en Común demanda información dos proxectos locais

Este grupo da oposición considera que o alcalde pretende recortar as competencias do pleno municipal

O grupo municipal Ribeiro en Común critica ao alcalde de Ribadavia, César Fernández, por o que considera "ausencia de diálogo coa oposición, unilateralidade nas políticas municipais, oídos xordos ás propostas dos grupos, e ausencia de información aos mesmos".

Sinala este grupo da oposición que "no lugar de convocar aos grupos para recoller as nosas propostas e peticións, convócanos únicamente para intentar recortar o órgano de máxima representación veciñal e cidadá. O grave é que se nos convoque só para recortar as funcións e capacidades do pleno, como principal órgano do Concello, e non se convoque esta xunta de portavoces para abordar temas de moita importancia para o noso municipio".

Nese sentido, refírese á necesidade dunha comisión de tráfico para resolver os problemas na vila; tamén se queixa da falta de información sobre diversos asuntos como a xuntanza coa Consellería de Cultura, anunciando un investimento en Sanín e na Casa da Cultura, ou a reunión coa conselleira de Servizos Sociais, con posibles repercusións sobre o Asilo; ademais da ausencia de información sobre a beirarrúa de Francelos, Parque Robla, e Campo do Xestal; así como unha explicación do proxecto dos colectores soterrados, entre outros.

Te puede interesar