Ribeiro en Común insta ao Concello a investir o seu remanente

 O grupo municipal Ribeiro en Común presentará unha iniciativa para que o Concello de Ribadavia demande poder facer uso do remanente de tesourería para investimentos reais en Ribadavia, "algo que  a día de hoxe non se pode facer por culpa da chamada lei Montoro e por culpa da pinza PP-VOX no Congreso", sinala este grupo da oposición. 
Na súa opinión, a alcaldía debería buscar colaboración e cooperación co Goberno do Estado e coa FEMP e non participar en "confrontacións partidistas que só obedecen a unha estratexia ultra de Pablo Casado co aplauso de Baltar", engade, en alusión a protesta dos alcaldes do PP polo decreto, xa anulado, mediante o que o Goberno de Madrid lle pedía os remanentes de tesourería aos concellos.

Ribeiro en Común afirma que Ribadavia necesita investimentos para mellorar a súa situación. "Que esta alcaldía non consiga investimentos reais e tanxibles da Xunta é grave, pero é inadmisible que se dedique a confrontar co Goberno do Estado por intereses de partido".  Os concelleiros diríxense ao alcalde, César Fernández, e "esixímoslle que comece a comportarse como representante de todos os ribadavienses e non como un político submiso aos intereses de Baltar e do PP de Pablo Casado", e reclaman "unha política de diálogo con todas as administracións e institucións".

Te puede interesar