O Ribeiro

Ribeiro en Común pide o arranxo do vial de Prexigueiro

O Ribeiro

Ribeiro en Común pide o arranxo do vial de Prexigueiro

O alcalde afirma que xa ten varias valoracións económica e que se arranxará tan pronto se poida

O grupo municipal Ribeiro en Común de Ribadavia afirma que o alcalde, César Fernández, está bloqueando as melloras urxentes que se deben realizar na Vila Termal de Prexigueiro, ao negarse a convocar a xuntanza do Padroado Termal. "Esta parroquia atópase totalmente abandonada por este goberno a pesar de ser un dos principais referentes termais da provincia", sinala o portavoz, Brais Fidalgo.

Ribeiro en Común esixe a convocatoria do Padroado da Fundación Vila Termal de Prexigueiro para acometer melloras urxentes como a reconstrución dunha vía de acceso principal a Prexigueiro, que sufriu o derrube no mes de decembro e continúa no mesmo estado. 

Ademais, considera urxente a reforma da parte exterior das termas públicas, tal e como figura no contrato de explotación das Termas a cargo da empresa concesionaria, "e que o actual alcalde tamén se nega a cumprir", engade.

Este grupo da oposición afirma que defende a colaboración da empresa termal e o Concello para actuar en beneficio da mellora da Vila Termal de Prexigueiro así como de todo o pobo, "pero estas accións deben aprobarse no seo do Padroado que o alcalde se nega a convocar. De non facelo en tempo e forma segundo a normativa o noso grupo verase obrigado a adoptar medidas legais", conclúe.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, declaraba que o Padroado Termal de Prexigueiro xa está convocado para o próximo luns, ás 13,15 horas. Así mesmo, sinalaba que o derrube da estrada principal da localidade durante un temporal "obrigounos a tela cortada á espera do seu arranxo". Engade, que "xa temos varias valoracións económicas e pretendemos acometer as obras tan pronto poidamos".