Ribeiro en Común pide que se cubran as baixas médicas

O grupo sinala que non se cubren as baixas e vacacións de varios servizos, especialmenteo de pediatría

O grupo municipal Ribeiro en Común pide a través dunha moción que o Concello de Ribadavia reclame á Xunta de Galicia para o centro de saúde o reforzamento dos servizos que ofrece, e que "desde xa non só se deixe de recortar en persoal destinado a este centro senón que se comecen a cubrir as baixas e dereito ás vacacións de todos os traballadores".

Refírese ao servizo de pediatría que na actualidade conta con dous profesionais, cada un co seu grupo de usuarios, e cando un dos dous se ausenta, por motivos ordinarios e legais, "a Administración no lugar de enviar un profesional substituto o que fai é sobrecargar no profesional do centro os dous grupos de usuarios", sinala. En consecuencia, asegura Ribeiro en Común que a Xunta "aforra o salario dun profesional e quen saen moi prexudicados son os cidadáns usuarios e os profesionais da saúde". 

Isto acontece tamén en moitas máis áreas deste centro de saúde, segundo engade, "e por suposto é obvio que tamén acontece en moitos centros de saúde de toda Galicia. Máis a nosa obriga é cos veciños e veciñas de Ribadavia".

Por iso, propón instar ao Goberno da Xunta a que implemente unha política de reforzamento do servizo sanitario e dos seus profesionais; que se cubran todas as vacacións e baixas; e que traslade esta política de reforzamento do servizo sanitario e dos seus profesionais aos orzamentos de 2020.

Te puede interesar