O Ribeiro

Ribeiro en Común pide melloras laborais nas Emerxencias

O Ribeiro

Ribeiro en Común pide melloras laborais nas Emerxencias

Ribeiro en Común defende a través dunha moción a aprobación de melloras laborais para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ribadavia, segundo afirma tras ter coñecemento das peticións que os seus traballadores están facendo de maneira unitaria.

Asegura este grupo da oposición que o GES é un dos servizos máis importantes do Concello, "máis se cabe nesta época de crise pandémica que nos tocou sufrir". Por ese motivo, insta a que o Concello aprobe melloras salariais e de recoñecemento profesional para todo o GES: recoñecemento de nocturnidade, perigosidade, e outros complementos desta profesión, recoñecemento de funcións profesionais, mellora de material profesional e de seguridade, e estabilidade contractual de acordo á lei.

Ademais, pide ao goberno local a que "opte pola vía do diálogo para estabilizar, regularizar e legalizar os contratos laborais que a xustiza lles está recoñecendo a moitos traballadores".

Tamén reclama Ribeiro en Común a  convocatoria urxente da mesa de diálogo entre traballadores do GES e representantes co Concello para concretar estas melloras e plasmalas nun convenio.

Por último, engaden os concelleiros que o Concello debe comezar a tomarse en serio a creación dunha nova base operativa e iniciar os trámites para a contratación de dúas novas prazas no GES, tal e como están conseguindo outros concellos de Galicia, co obxectivo de realizar as quendas de emerxencias da mellor maneira posible.

En definitiva, demanda que se reforce convenientemente este servizo de emerxencias, por ser un dos servizos públicos "esenciais e básicos, polo que a obriga do Concello é coidalo e garantir que os profesionais poidan realizar o seu traballo da forma máis axeitada".