POLÍTICA LOCAL

Ribeiro en Común pide melloras no pavillón Maquiáns

O grupo Ribeiro en Común presentou unha proposta ante o Consello Municipal de Deportes para que o Concello de Ribadavia realice unha intervención de mellora do pavillón de Maquiáns que vaia máis alá de arranxar o tellado e os canalóns que provocan desde fai moito tempo filtrancións de auga que inutilizan parte das instalacións. Este é de uso compartido entre a Consellería de Educación e o Concello, e o seu mantemento é a partes iguais, segundo matiza este grupo da oposición.

Ribeiro en Común, ademais de lamentar o retraso no arranxo do tellado, considera necesario que se reparen as lámpadas que levan tempo avariadas, algunhas meses, da pista de xogo e dalgunha sala. Se proceda a instalación de luz e iluminación exterior e nas portas de entrada, "que a día de hoxe provoca que os usuarios teñan que acceder ao pavillón con lanterna ou coa luz dos seus móbiles", sinala.

Tamén reclama que se arranxen os vestiarios que o precisen e as zonas exteriores, xa que cando chove están impracticables, "impropio dunha infraestrutura deportiva que máis ben parece abandonada", engade Ribeiro en Común, insistindo tamén en que se proceda ao desbroce do seu recinto repleto de maleza.

Outras melloras propostas teñen que ver coa situación do muro dunha casa lindeira derrubado por motivo dunha intervención desde o propio recinto deportivo, e que supón un claro perigo público para os usuarios do pavillón.

"Este pavillón, a pesar de ser accesorio do recinto municipal do Consello, é moi utilizado para diferentes deportes e por usuarios de todas as idades e categorías base, fora do uso escolar, de luns a venres", puntualiza. 

Por ese motivo,"reclamamos que desde o Concello se lle dea un trato digno e se comece a coidar o seu mantemento, non pode volver pasar que esteamos cunhas instalacións abandonadas".

Te puede interesar