Ribeiro en Común propón un plan de inserción laboral

Este grupo da oposición tamén reclama ao concello bonos de axuda a familias e comercio local

O grupo municipal Ribeiro en Común de Ribadavia rexistrou no Concello unha proposta de medidas sociais destinadas aos veciños máis afectados pola crise. "Facemos unha emenda case á totalidade da proposta de modificación orzamentaria feita polo goberno", matiza este grupo da oposición, que afirma que estas medidas irían a cargo da partida que existe actualmente no Concello de Ribadavia de 100.000 euros.

Desta maneira, Ribeiro en Común propón un plan de inserción laboral e fomento de emprego; tamén un bono social a parados para a adquisición de produtos de primeira necesidade, mercando en establecementos do municipio e un segundo bono para o pago de facturas de primeira necesidade como suministros de electricidade ou de auga e tamén para aluguer.

Un terceiro bono, que propón nesta enmenda, é de compra no comercio local co obxecto de dinamizar e revitalizar o consumo no comercio de Ribadavia.

Por outra banda, tamén pide que se reforce e amplíe o actual servizo de conciliación. "Axudas municipais á conciliación, suplantando a ausencia da Xunta", matiza.

E finalmente, insta ao Concello a comprar máscaras e maquinas purificadoras do aire para os colexios de Ribadavia.

"Reclamamos que o Concello leve á práctica medidas sociais xa aprobadas polo pleno para o comercio, autónomos e parados, e que o Concello aínda non foi capaz de executar. A pesar de ser aprobada unha partida de 120.000 euros en maio, só se investiron 20.000 euros", apuntan os concelleiros de Ribeiro en Común. "No contexto actual tan difícil para a maioría da sociedade ribadaviense, e con moitos casos de veciños que viron reducidos os seus ingresos, non podemos aceptar que o Concello non sexa capaz de facer políticas sociais", sinalan.

Te puede interesar