política

Ribeiro en Común quere máis oferta de vivendas

O grupo político insiste na necesidade de que o concello arranxe os inmobles en estado de ruína no casco histórico

O equipo municipal de goberno de Ribadavia amosou a súa satisfacción polo anuncio da Xunta de Galicia de incluir á capital do Ribeiro no plan de facilitar a compra de vivenda no casco histórico a menores de 35 anos, xunto a outras vilas como Allariz, Celanova, O Barco, San Cibrao das Viñas, Verín e a propia cidade. Unha medida que, según o goberno local, ademais de contribuir a fixar poboación no municipio, tamén favorecerá a posta en marcha de novos proxectos de restauración de inmobles ó abeiro da Área de Rehabilitación Integral (ARI) que financia a propia Xunta.

Uns proxectos orientados ás propiedades privadas que tamén apoia o grupo municipal de Ribeiro en Común, aínda que os concelleiros desta formación política consideran que deben ampliarse ós edificios de titularidade pública. Ó respecto, o voceiro deste grupo da oposición, Brais Fidalgo, suliña que "esta medida da Xunta, podendo axudar nalgún caso, non pode obviar a situación dos inmobles que son de propiedade do Concello e que se atopan en situación ruinosa no casco histórico".

Neste sentido, Fidalgo lembra que "para os orzamentos municipais deste ano, igual que no mandato pasado, presentamos unha iniciativa para arranxar estes edificios e que foran destinados á vivenda pública". Lamenta que o goberno municipal non aceptara a proposta de Ribeiro en Común, pero adianta que "seguiremos insistindo, pois a situación do casco histórico de Ribadavia necesita de medidas urxentes e intervencións máis profundas".

Te puede interesar