politica

Ribeiro en Común reclama a mellora dos campos das festas

Banqueira rota no campo da festa de San Cristovo.
photo_camera Banqueira rota no campo da festa de San Cristovo.

A reposición de instalacións de luz, reposición de centros de xogo e parques en mal estado, ou odesbroce e reparación de bancos e mesas son algunhas das peticións

O grupo municipal de Ribeiro en Común vén de solicitar do Concello de Ribadavia unha serie de melloras nos campos onde celebran as súas festas os veciños do rural, concretamente, a reposición de instalacións de luz e electricidade obsoletas ou avariadas, reposición de centros de xogo e parques en mal estado, desbroce e reparación de bancos e mesas.

Os concelleiros desta formación política na Corporación ribadaviense consideran que o esforzo que realizan as asociacións culturais e veciñais, así como as diferentes comisións de festas que existen no municipio de Ribadavia, "deberían ter unha resposta maior e mellor por parte da implicación e colaboración do Concello nas mesmas".

Neste sentido, dende Ribeiro en Común destacan que "o Concello, ademais de colaborar cos seus recursos económicos, pode facer moito máis coas festas parroquiais e aqueles eventos sostidos cunha grande dose de implicación moi plural da veciñanza". Xa a nivel de casco urbán, reclaman "a mellora dos vestiarios do Auditorio do Castelo e do local social da Madalena", que son sede de actividades vencelladas a eventos tales como o Festival Arteficial, a Festa da Istoria, a Noite Meiga ou a Feira do Viño.

Finalmente, o grupo de Ribeiro en Común tamén solicita do Concello de Ribadavia a adquisición dunha estrutura de carpa por módulos, "que permita a súa adaptación a diferentes espazos e que está dispoñible para todos os eventos municipais ou veciñas que se organicen, no caso de presentarse unha climatoloxía adversa".

Te puede interesar