Ribadavia

Ribeiro en Común reclama melloras para o transporte

Presenta unha moción para impulsar un pacto comarcal en defensa do transporte público do Ribeiro

O grupo municipal Ribeiro en Común propón aos concellos do Ribeiro así como a toda a sociedade activa un pacto comarcal en defensa do transporte público. Así o recolle nunha moción que presenta primeiro en Ribadavia e que fai extensiva ao resto de concellos e sociedade do Ribeiro.

Nesta moción reclama que a Xunta de Galicia e o goberno do Estado se impliquen realmente na mellora do transporte público, e adopten cando menos medidas como a ampliación horaria do servizo de tren e bus desde Ribadavia a Ourense, Vigo e Carballiño, cunha oferta de adecuación aos horarios laborais, de ensino, médico, entre outros.

Tamén pide a mellora da infraestrutura e do servizo de transporte público das estacións de tren e bus, coa restauración da venda persoal e presencial na de tren, e o aumento do horario deste servizo na de bus.

E así, propón Ribeiro en Común "que se lle dea traslado deste acordo a todos os concellos da comarca do Ribeiro para que se sumen a esta petición para a comarca do Ribeiro". 

Na mesma liña, insta ao relanzamento do servizo público do taxi desde o Concello de Ribadavia, "na actualidade moi desatendido", segundo apunta; e a sinatura de convenio destinado á mellora entre concellos e reforzamento de Ribadavia como capital comarcal de servizos públicos e de comercio.

Finalmente, que se traslade este acordo a ADIF- Renfe, á Xunta de Galicia, á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, á Dirección xeral de Mobilidade, á Subdelegación do Goberno en Ourense, e á Deputación provincial, así como ás asociacións de comerciantes, centros de ensino, Educación, ANPAS, e sindicatos.

Te puede interesar